Thursday 02 de May de 2024

A Pobra activa a máquina do tempo coa sexta edición das xornadas de divulgación histórica e patrimonial


O mes de outubro trae consigo a sexta edición de A Pobra do Caramiñal no Tempo, as xornadas de divulgación histórica e patrimonial que ofrecen unha visión da evolución do municipio ao longo dos séculos. Esta nova convocatoria achegará nos días 7 e 8 coñecementos relacionados coa arqueoloxía, a musicoloxía, a lingua e a antropoloxía.

José Carlos Vidal, alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, ademais dun dos promotores desta cita xunto co xornalista Manuel Gago, avanza que a proposta permitirá “botar a vista atrás para coñecer o pasado da localidade para entender un pouco mellor o noso presente e poñer en valor o noso patrimonio, material e inmaterial.”

Se ben anteriormente se organizada a través da Concellaría da Cultura, agora pasa a integrarse dentro de Patrimonio; unha área creada neste mandato para o fomento da recuperación e protección de construcións e obxectos cun evidente interese histórico, así como de todo aquilo que, a pesar de ser intanxible, forma parte da nosa identidade como pobo. Neste senso, a edil da Cultura, Patricia Lojo, alude ao estreito vínculo entre os dous referidos Departamentos.

Os simposios concentraranse, como xa é costume, na tarde da xornada de arranque, sábado 7, no teatro cine Elma. Ofreceranse un total de catro coloquios que tamén se poderán seguir vía streaming a través da canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.

Unha vez inauguradas as xornadas, a arqueóloga Patricia Mañana-Borrazás impartirá O megalitismo na península do Barbanza e a ría da Arousa. Deseguido, será o momento de escoitar ao historiador e musicólogo Antonio Cancela Montes con A importancia da Pobra do Caramiñal na vida e obra do músico Ricardo Fernández Carreira. Tras un descanso, a teoría retomarase con Unidade, variación, mudanza: a lingua no sur do Barbanza, relatorio a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco. E, para finalizar, abordarase O mundo simbólico do mar na ría da Arousa, co antropólogo Rafael Quintía.

Farase entrega, ademais, dun póster como agasallo ás persoas asistentes cuxo contido é sorpresa.

A parte práctica da programación terá lugar no domingo 8, a partir das 11.00 horas, a través dun percorrido pola parroquia do Xobre na celebración do 300° aniversario da construción da súa igrexa, da man do director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González Millán.

As prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa no enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633 ata o día 5 de outubro.